BATÉATE

21 de Xuño de 2023 Xunta directiva

BATÉATE

Opmega dá unha clase maxistral de mexillón a estudantes de Marín, Carnota e Muros

  • O proxecto “Batéate, atopa o teu espazo no mundo” reuniu esta mañá a estudantes de Marín, Carnota e Muros na Ría de Arousa.
  • A xornada abriuse cunha visita en barco a unha batea e completouse cun concurso de habilidade en torno ao mundo do mexillón.
  • O obxectivo da organización mexilloeira é evitar ideas preconcibidas sobre este sector e que obteña o sitio que se merece entre as opcións de futuro da mocidade galega.

Vilagarcía de Arousa, 20 de xuño de 2023.- Nese momento en que todas as opcións vitais están abertas, o mundo da batea pode ser o teu. Con esa idea espera a Organización de Produtores de Galicia (Opmega) que terminasen a xornada de hoxe os 50 alumnos de 4º da ESO de tres institutos de Marín, Carnota e Muros que participaron na iniciativa “Batéate, atopa o teu espazo no mundo”, desenvolta esta mañá entre Vilanova e Vilagarcía de Arousa. Un achegamento físico a unha batea seguido dun concurso de habilidade en torno ao mexillón que cumpre a función de achegar esta actividade aos adolescentes para que, nun futuro, poida converterse para eles nunha saída laboral e nunha aposta vital. Cultivar agora a mexilla para gozar no futuro do mexillón.

A mariñeira xornada reuniu, de entrada, aos alumnos do Illa de Tambo, Lamas de Castelo e As Insúas no porto de Vilanova. Tras a benvida, os estudantes subíronse ao barco de Cruceiros do Ulla-Turimares xunto a responsables dos seus institutos e de Opmega para navegar ata unha das bateas da organización no polígono da Ría de Arousa e coñecer, in situ, como se desenvolve o traballo.

Foi unha singradura plenamente interactiva, na que os mozos tiveron a oportunidade de tomar a palabra para expor preguntas ou realizar comentarios. O resultado foi un ameno achegamento a unha actividade laboral de primeira orde na costa galega e a un campo como o da miticultura que pode espertar vocacións en diferentes ámbitos.

Tras o regreso a porto, os expedicionarios dirixíronse á sede de Opmega, en Vilagarcía de Arousa, para dar continuidade á xornada participando en ‘Bateaventura’, un concurso de enxeño e habilidade deseñado pola organización de mexilloeiros ao redor do seu mundo. Os alumnos, divididos en equipos, competiron nun amigable man a man que deu como resultado un ganador, o equipo Catalina do IES As Insuas, de Muros. O seu nome foi desvelado no gran acto final de despedida e balance.

Opmega afronta iniciativas como a presente co fin de garantir o futuro do sector desterrando ideas preconcibidas sobre o traballo do mexillón e permitindo que sexa contemplado polos mozos como unha saída laboral rendible no económico e favorecedora da conciliación familiar e social. “Batéate” é un programa posto en marcha neste ano 2023 dentro do seu Plan de Produción e Comercialización 2023, co-financiado polo FEMPA e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Compartir: