Visita de Marta Villaverde, conselleira do Mar as instalacións de Opmega en Boiro

13 de Maio de 2026 Xunta directiva

Visita de Marta Villaverde, conselleira do Mar as instalacións de Opmega en Boiro

A conselleira do Mar visita as instalacións de Opmega en Boiro e destaca a súa aposta pola sustentabilidad

  • Marta Villaverde coñeceu os avances da organización en innovación, comercialización e certificación internacional do mexillón galego

Boiro, 13 de maio de 2026 . A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou esta mañá as instalacións da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) en Boiro para coñecer a actividade da entidade, a principal do sector mexilloeiro galego. A conselleira foi recibida polo presidente de Opmega, Ricardo Herbón, e por membros da xunta directiva, que a acompañaron no percorrido polas instalacións.

Opmega conta desde o pasado mes de abril co primeiro estudo científico que cuantifica de forma integral os servizos ecosistémicos do cultivo de mexillón en batea. O traballo, elaborado polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, sitúa a pegada de carbono do mexillón galego moi por baixo da doutras fontes de proteína animal, documenta a capacidade de filtración e retención de nutrientes que as bateas achegan ás rías, e valora a cuncha como recurso aproveitable en sectores como a agricultura e a construción. O estudo, presentado en Seafood Expo Global Barcelona, dá soporte científico a algo que o sector leva anos defendendo: que a actividade

mexilloeira non só produce alimento, tamén xera beneficios ambientais medibles.

A organización avanza tamén no proceso de certificación baixo os principios e criterios do Marine Stewardship Council (MSC), o estándar de referencia internacional en pesca e acuicultura sostibles. Este selo recoñecería ante o mercado e o consumidor a sustentabilidade do modelo galego de cultivo en batea, reforzaría a posición competitiva do produto nos mercados internacionais e supoñería un respaldo decisivo fronte á entrada en Europa de mexillón importado sen as mesmas esixencias ambientais e sanitarias.

 

No plano comercial, Opmega consolidou un dos seus maiores éxitos recentes coas bandexas de mexillón fresco listo para consumir, que a organización distribúe xa en grandes superficies. Desenvolvido pola propia entidade para substituír a malla de reixa tradicional, o envase alonga a vida útil do produto, conserva mellor as súas propiedades organolépticas e permite cociñalo directamente en microondas. As liñas de envasado en atmosfera modificada que opera a organización responden a un volume crecente de demanda e abriron a porta do gran consumo ao mexillón galego, unha canle estratéxica que tamén se está afianzando en mercados internacionais.

Mexillón importado

Entre os temas que máis preocupan aos socios de Opmega está a competencia do mexillón importado sen as mesmas esixencias sanitarias e ambientais e  coa falta de etiquetaxe clara para o consumidor. Tamén os efectos do último episodio de biotoxinas que obrigou a pechar boa parte das rías na recta final de 2025 e a incidencia das borrascas encadeadas do inverno na actividade das bateas.

“As bateas non só producen mexillón. Coidan as rías, sosteñen a miles de familias e manteñen viva unha forma de relación co mar que herdamos e que temos a responsabilidade de transmitir. Agora temos a ciencia do noso lado e iso cambia a conversación. É importante que as administracións o vexan sobre o terreo e que asuman connosco os retos que temos por diante”, afirmou Ricardo Herbón.

Pola súa banda, a conselleira destacou o traballo de Opmega e do sector como exemplo da aposta pola sustentabilidade e subliñou o papel da miticultura galega como líder europea en produción e referente ambiental. A posta en valor do produto nos mercados e o apoio á cadea mar-industria seguen sendo, segundo trasladou Villaverde, prioridades estratéxicas para garantir a rendibilidade e o futuro da actividade nas rías galegas.

Opmega é a primeira organización de produtores de mexillón de España, con ámbito de actuación transnacional, recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación desde 1986. Agrupa 579 bateas e 312 socios distribuídos en once delegacións nas rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, así como en Portugal, o que a converte nunha das estruturas vertebradoras do sector e nun referente da mitilicultura europea.



.

Compartir: