
Xornada OPMEGA
Opmega reúne en Vilagarcía a FAO, a Eurocamara e o sector mexilloeiro para reforzar a voz da miticultura galega en Europa
A xornada “Miticultura en clave europea: retos actuais e perspectivas de futuro” abordou a fraude alimentaria, a etiquetaxe de orixe e o funcionamento das institucións comunitarias, e rendeu homenaxe ao bateeiro da Illa de Arousa Manuel Castro Paz, Manolo Pescador, por máis de cinco décadas dedicadas ao cultivo do mexillón.
O presidente de Opmega, Ricardo Herbón, destacou na súa intervención a calidade do produto que comercializan os seus socios: “Temos ouro puro entre as mans e temos que poñelo en valor”
Vilagarcía de Arousa, 29 de maio de 2026.- A Organización de Produtores de Mejíllón de Galicia (Opmega) celebrou este venres no Edificio Mexillón de Galicia a xornada “Miticultura en clave europea: retos actuais e perspectivas de futuro”, un encontro que reuniu a representantes da FAO, do Parlamento Europeo, da Administración estatal e autonómica, do sector pesqueiro e conserveiro, e da propia base produtiva mexilloeira para analizar o peso das decisións comunitarias na actividade diaria das bateas.
Inauguración institucional
Inauguración institucional O presidente de Opmega, Ricardo Herbón, abriu o encontro reivindicando a condición de Galicia como primeiro produtor de mejíllón de Europa, moi por diante de Italia e Grecia, e subliñando que boa parte da lexislación que afecta o sector como a etiquetaxe, medio ambiente ou a seguridade alimentaria decídese en Bruxelas. “Aínda que a nosa actividade sexa local, as decisións que nos afectan tómanse en Europa. Por iso é importantísimo coñecer como funcionan as institucións europeas e estar presentes alí onde se poden trasladar as nosas opinións”, sinalou.
A continuación interveu, en mensaxe gravada, a secretaria xeral de Pesca do MAPA, Isabel Artime, que subliñou a capacidade de liderado de Opmega dentro do sector mexilloeiro e puxo en valor a súa aposta pola sustentabilidade e a innovación. Artime coincidiu coa organización en que a presenza en Bruxelas é esencial: “É esencial que contribuamos activamente no debate europeo para que haxa unha política de acuicultura coherente e uniforme no marco da Política Común de Pesca”.
Pechou o bloque inaugural o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, que tamén destacou o papel de liderado de Opmega e o seu compromiso coa sustentabilidade e a innovación como acenos de identidade do sector. Varela subliñou que o futuro do mejíllón galego pasa por Europa: “O camiño para chegar ao resto do mundo empeza por Europa. Aí é onde se abren as portas e onde hai que estar”.
Fraude alimentaria, rastrexabilidade e institucións europeas
O primeiro relatorio correu a cargo de Esther Garrido Gamarro, oficial de pesca na División de Pesca e Acuicultura da FAO, que presentou o estudo Food fraud in the fisheries and aquaculture sector e expuxo as principais tipoloxías de fraude que afectan os produtos do mar a escala global. A experta de Nacións Unidas detallou que o sector produce máis de 185 millóns de toneladas de produtos acuáticos ao ano, unha escala que o fai especialmente vulnerable á fraude alimentaria, desde a substitución de especies ata a manipulación documental na cadea de subministración.
No caso concreto do mejíllón, Garrido Gamarro identificou como principais riscos a comercialización fraudulenta de produto de cultivo como “salvaxe”, o uso indebido de certificacións de sustentabilidade e as declaracións enganosas sobre a orixe xeográfica ou o método de produción.
A continuación, Natalia Fontaina Rey, responsable de Xestión do Centro Tecnolóxico do Agrupación industrial de Acuicultura (CETGA), presentou o proxecto europeo FishEUTrust, financiado polo programa Horizonte Europa e articulado por un consorcio de 22 socios de 14 países da UE. O proxecto traballa para reforzar a rastrexabilidade e a confianza do consumidor nos produtos pesqueiros e acuícolas mediante ferramentas de autenticidade baseadas en biomarcadores xenéticos, isótopos estables e sensores de frescura. No caso do mejíllón, os resultados obtidos ata a data permiten xa diferenciar produto de miticultura e salvaxe cunha precisión do 85% cando se combinan análise isotópica e multielemental.
Tras a pausa, Cécile Fouquet, socia fundadora e directora de Aliénor, ofreceu un relatorio sobre o funcionamento real das institucións europeas e as vías concretas polas que un sector produtivo como o mexilloeiro pode facerse oír na toma de decisións comunitarias. Fouquet expuxo o mapa de actores relevantes en Bruxelas e os dous grandes eixos de acción nos que Opmega ten marxe de influencia: a etiquetaxe de orixe dos produtos transformados e a protección fronte á competencia de terceiros países, especialmente no marco do acordo comercial con Chile.
A experta subliñou que, a pesar de que o cambio normativo en Europa require tempo, o contexto político actual é favorable aos sectores primarios e á acuicultura de moluscos como fonte de proteína con impacto medioambiental positivo.
A importancia de estar presentes en Europa
A xornada continuou cunha mesa redonda moderada por Lino Suárez, director de Operacións de Opmega, na que participaron o europarlamentario do Grupo Socialista Nicolás González Casares e a directora xeral de Conxemar e presidenta do Consello Consultivo de Mercados (MAC), Yobana Bermúdez. O debate abordou as ferramentas dispoñibles para que o sector mexilloeiro galego poida defender os seus intereses ante as institucións europeas, con especial atención á etiquetaxe de orixe e ao impacto das importacións de mexillón chileno no mercado comunitario.
Homenaxe a Manolo Pescador, memoria viva do sector bateeiro
Antes de clausúraa, Opmega rendeu homenaxe a Manuel Castro Paz, Manolo Pescador, bateeiro da Illa de Arousa, por unha vida enteira dedicada ao cultivo do mejíllón e polo seu compromiso asociativo co sector.
Manolo empezou a traballar nas bateas en 1973, con catorce anos, acompañando ao seu pai na ría de Arousa. Combinou pesca e mejíllón durante sete ou oito anos antes de dedicarse en exclusiva á batea durante unha década. Xubilouse aos sesenta, aínda que nunca chegou a desvincularse do todo: leva trinta anos en xuntas directivas das asociacións do sector e segue sendo un puntal da Asociación da Illa, convencido de que a unión fai a forza.
Segue ao día dos problemas que preocupan ao sector —as importacións de mejýllón chileno, as caídas no rendemento— e mantén intacto o reflexo asociativo e a preocupación por un oficio que, nas súas palabras, é máis que un traballo. Dos seus catro fillos, tres continúan vinculados ao mejýllón, unha continuidade familiar que na Illa é máis norma que excepción.
“Queremos poñer en valor a traxectoria do mexilloeiro que pasou por todas as fases do oficio, viu como se organizaba un sector que durante décadas funcionou sen estrutura e mantén, xa xubilado, o reflexo asociativo intacto”, sinalou Ricardo Herbón ao facerlle entrega dun obsequio en recoñecemento a toda unha vida de traballo.
No peche, Ricardo Herbón fixo balance da xornada e reivindicou o valor do produto galego: “Temos que ser conscientes de que o produto que extraemos do mar é ouro puro. Temos ouro puro entre as mans e temos que poñelo en valor, dar a coñecer a súa importancia socioeconómica para nós, para as nosas familias e para a nosa rexión”. O presidente de Opmega rematou subliñando que “a clave está en estar presentes en Europa para loitar por todas aquelas cuestións que poidan supoñer unha ameaza para o noso sector”.
Clausuraron oficialmente a xornada a tenente de alcalde do Concello de Vilagarcía, Tania García, e a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, quen reclamou máis apoio europeo, con menos burocracia, maior participación das rexións e financiamento estable para a pesca e a acuicultura. Defendeu así o recoñecemento da acuicultura como sector primario e a continuidade de fondos como o FEMPA para garantir a súa competitividade.
O encontro concluíu cunha degustación de mexillón con diferentes receitas do chef Miguel Mosteiro, cunha proposta gastronómica que combinou tradición e creatividade ao redor do produto estrela da organización.
A xornada enmárcase no Plan de Produción e Comercialización de Opmega, cofinanciado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e polo fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
