
Seafood Expo Global Barcelona
Planas e Villaverde reúnense con Opmega en Seafood mentres a organización presenta un estudo do CSIC que cuantifica os beneficios ambientais das bateas
- Planas e Villaverde departiron coa xunta directiva da organización galega durante o seu percorrido pola feira
- Investigadores do IIM-CSIC e INXENIA presentaron os resultados dun traballo que cuantifica por primeira vez os beneficios ambientais do cultivo en batea
Barcelona, 22 de abril de 2026.– O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, visitaron hoxe o stand de Opmega na Seafood Expo Global de Barcelona, onde departiron cos membros da xunta directiva da organización de produtores de mexillón, encabezados polo seu presidente, Ricardo Herbón.
Durante os encontros, a directiva de Opmega trasladou a ambos representantes institucionais as principais preocupacións do sector e informounos dos proxectos que a organización está a desenvolver no marco do seu plan operativo.
O presidente de Opmega valorou a presenza das dúas administracións competentes en materia pesqueira como un respaldo ao sector mexilloeiro.
Que o ministro e a conselleira se acheguen ao noso stand ten un valor que vai máis alá do protocolario. Precisamos que quen toma as decisións, tanto en Madrid como en Santiago, coñeza de primeira man a realidade do noso sector e o que achega a Galicia e ao conxunto de España”, afirmou Herbón.
Na mesma xornada, o stand de Opmega acolleu a presentación do estudo “O cultivo de mexillón, unha actividade sostible. Valoración dos servizos ecosistémicos proporcionados polo cultivo de mexillón de Opmega”, un traballo elaborado polo investigador X. Antón Á. Salgado, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC), e pola consultora Ana Vila, de INXENIA, coa colaboración de J. Severino P. Ibánhez e Nicolás Villacieros Robineau, tamén do IIM-CSIC. O proxecto forma parte do plan operativo da organización e conta coa cofinanciación da Unión Europea.
O estudo é o primeiro que cuantifica de maneira integral os beneficios que as bateas xeran máis alá da produción de alimento, analizando catro categorías de servizos ecosistémicos: provisión, regulación, soporte e culturais. Entre as súas conclusións, o traballo documenta a capacidade do mexillón como fonte de proteína sostible cunha pegada de carbono moi inferior á doutras fontes animais, o valor da cuncha como recurso aproveitable en sectores como a agricultura ou a construción, e a contribución das bateas á calidade da auga das rías a través da filtración e a retención de nutrientes.
O informe tamén analiza o papel das cunhas como reserva alcalina fronte á acidificación oceánica, o efecto protector das bateas sobre a liña de costa e o seu impacto na actividade turística e na identidade cultural das Rías Baixas.
“Levamos anos defendendo que as bateas non só producen mexillón, senón que coidan as rías. Agora temos a ciencia do noso lado. Este estudo dános ferramentas para que as administracións recoñezan o que o sector achega ao medio ambiente e á economía das nosas comarcas”, sinalou Herbón.
As visitas institucionais e a presentación do estudo tiveron lugar no stand renovado que Opmega estreou nesta edición de Seafood Barcelona, un espazo máis amplo ca en edicións anteriores e dotado de varias zonas de reunión, preparado para acoller a axenda de traballo máis ambiciosa despregada ata a data pola organización na feira de referencia do sector pesqueiro e acuícola.
Sobre Opmega
Opmega é a primeira organización de produtores de mexillón de España, con ámbito de actuación transnacional, recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación desde 1986.


