Xornadas Gastronómicas en Madrid

11 de Novembro de 2023 Xunta directiva

Xornadas Gastronómicas en Madrid

O mexillón preséntase como alternativa económica para os menús do Nadal nunha edición especial das Xornadas Gastronómicas OPMEGA.

Será no Mercado Barceló do 30 de novembro ao 2 de decembro. A programación inclúe 5 showcookings gratuítos, degustación de múltiples pratos de mexillón e agasallos por compras nas peixarías. Tamén se poderá visitar a exposición “Mujeres bateeiras. O mexillón a través das mans das mulleres”.

A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia, OPMEGA, centrará as xornadas en propoñer receitas perfectas e económicas para os menús de Nadal, co mexillón como protagonista.

Vilagarcía de Arousa, 11 de novembro.- A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia, OPMEGA, propúxose contribuír a que os consumidores madrileños poidan gozar de menús de altura este Nadal, sen necesidade de rascarse demasiado o peto. A OP Galega celebra unha edición especial das súas Xornadas Gastronómicas, na que o mexillón se presentará como un marisco moi versátil para todo tipo de receitas, tamén para aquelas dignas das festas. A cita será os días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro no céntrico Mercado Barceló

Impulsadas pola organización de bateeiros galegos e apoiadas por Mercados de Madrid, as Xornadas Gastronómicas OPMEGA convertéronse na iniciativa perfecta para a dar a coñecer os beneficios nutricionais e gastronómicos do mexillón, á vez que se reivindica a importancia dos mercados como distribuidores do mellor produto fresco.

Agora, a OP galega dá un paso máis nesta colaboración e suma unha nova cita á súa campaña. O especial do Nadal das Xornadas Gastronómicas OPMEGA xorde como resposta á actual situación de subida de prezos na cesta da compra, algo que sen dúbida se notará na planificación dos menús de Nadal. Ante esta dificultade para os consumidores, o mexillón preséntase como un marisco moi alcanzable e con numerosas posibilidades nas elaboracións para as festas.

Os asistentes ao Mercado Barceló poderán gozar de degustacións gratuítas de diferentes receitas de mexillón, agasallos por compras nas peixarías e 5 showcookings dirixidos polo cociñeiro Miguel Mosteiro. .

Nesta ocasión, as mostras de cociña centraranse en propoñer receitas con mexillón para os menús de Nadal. Pratos elevados pero sinxelos, sen nada que envexar aos elaborados con mariscos moito máis caros.

En cada showcooking presentaranse 2 receitas diferentes, que os asistentes terán a oportunidade de degustar. Como xa é habitual, a participación nestas actividades será totalmente gratuíta, co único requisito de inscribirse previamente no posto informativo de OPMEGA.

As mostras de cociña celebraranse na caseta instalada no Xardín Barceló, un espazo polivalente situado na planta 0 do mercado. O xoves 30 de novembro e o venres 1 de decembro, as citas serán ás 12:00h e ás 18:00h. O sábado 2 de decembro só haberá showcooking pola mañá, tamén ás 12:00h.

Os que queden sen praza nas mostras de cociña tamén poderán degustar  mexillón . Ao longo de todo o día serviranse degustacións de mexillón gratuítas no posto informativo de OPMEGA.

As peixarías do mercado tamén se sumarán á campaña e, durante estes 3 días, as compras de mexillón  de OPMEGA terán premio. Por cada compra de 1 quilo de mexillón regalaranse receitarios, mochilas, pinzas de cociña e outros obsequios promocionais. Ademais, as xornadas servirán para presentar ao consumidor as novas bandexas de mexillón fresco desenvolvidas por OPMEGA. Un sistema de envasado con atmosfera controlada, que permite ampliar a vida útil do mexillón fresco. O mexillón preséntase limpo e listo para o consumo, nun envase apto para o microondas.

A maiores das actividades gastronómicas, a edición do Nadal das xornadas OPMEGA supoñerá unha nova oportunidade para visitar a exposición “Mujeres Bateeiras. O mexillón a través das mans das mulleres”. Trátase dunha mostra fotográfica que, con imaxes que van desde os anos 50 ata a actualidade, reivindica o papel histórico da muller no proceso tradicional de cultivo do mexillón. Os paneis da exposición poderán visitarse tamén no Mercado Barceló.

 

CALENDARIO DE ACTIVIDADES

Mercado Barceló – do 30 de novembro ao 2 de decembro
Showcookings: pratos de mexillón elaborados en directo. (Aforo limitado a 20 persoas. Inscrición gratuíta).

  •  Xoves 30 de novembro: de 12h a 13h e de 18h a 19h
  •  Venres 1 de decembro: de 12h a 13h e de 18h a 19h
  •  Sábado 2 de decembro: de 12h a 13h

Degustacións gratuítas de mexillón desde as 11h.

Agasallos pola compra de mexillón nas peixarías do mercado. En horario comercial.

Exposición “Mujeres Bateeiras”. En horario comercial.

CONTACTO DE PRENSA

Lucía Lago ohla@ohmyword.es | 619528926

Compartir: