Opmega reforza a produción sostible de semente de mexillón con avances científicos

18 de Febreiro de 2025 Actualidad, Xunta directiva

Opmega reforza a produción sostible de semente de mexillón con avances científicos

• Ao longo de 2024, e no marco da colaboración da organización coa Universidade de Vigo, desenvolvéronse investigacións crave para optimizar a produción de semente en criadeiro. Entre os avances máis importantes destacan as mostraxes de reprodutores, que permitiron mellorar a selección e calidade dos mexillóns destinados á reprodución

Vilagarcía de Arousa, 18 de febreiro de 2025 .– A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (OPMEGA) continúa impulsando a sustentabilidade no sector a través do proxecto MytilUP, en colaboración coa Universidade de Vigo. Esta iniciativa forma parte das accións estratéxicas de OPMEGA para garantir unha produción eficiente e respectuosa co medio ambiente, asegurando a dispoñibilidade de semente de mexillón sen depender exclusivamente da captación natural.
Durante 2024 desenvolvéronse investigacións crave para optimizar a produción de semente en criadeiro. Entre os avances máis importantes destacan as mostraxes de reprodutores, que permitiron mellorar a selección e calidade dos mexillóns destinados á reprodución. Ademais, realizáronse cultivos larvarios a diferentes densidades, analizando a súa evolución e seleccionando as mellores condicións para o seu desenvolvemento.
Outro dos logros do proxecto foi a optimización da fixación larvaria, unha fase crucial na produción de semente. Avaliáronse distintos sistemas de asentamento co obxectivo de incrementar a supervivencia e fortalecer a produción sostible. Así mesmo, traballouse no seguimento e control da semente en batea, asegurando que a talla mínima para o seu traslado sexa a máis adecuada para o seu desenvolvemento no medio mariño.
En liña co seu compromiso coa sustentabilidade, Opmega levou a cabo melloras no acondicionamento de reprodutores, garantindo postas de alta calidade e larvas con maior viabilidade. Tamén se probaron diferentes especies de fitoplancto, identificando aquelas con mellor perfil nutricional para o crecemento óptimo do mexillón.
Desde Opmega destacan que estes avances son esenciais para asegurar a continuidade do sector e reducir a dependencia dos bancos naturais de semente. “Traballamos para consolidar un modelo produtivo sostible e eficiente que garanta o futuro do mexillón galego e a preservación do ecosistema mariño”, afirma Ricardo Herbón, presidente da organización.
O proxecto MytilUP seguirá avanzando en 2025 con novas investigacións complementarias, reafirmando o compromiso da organización bateeiro coa innovación e a sustentabilidade na produción de mexillón.

Compartir: