
Indicadores de sustentabilidade do cultivo do mexillón
O cultivo do mexillón galego, un piar de sustentabilidade e innovación que asegura o futuro das rías galegas
__∧___________________________________________________________________________________________
- Dúas investigacións pioneiras destacan o impacto económico, social e ambiental do cultivo do mexillón en Galicia, subliñando o seu papel como modelo de sustentabilidade e innovación fronte aos retos do cambio climático.
- Con máis de 8.000 empregos directos, o mexillón galego reafirma o seu liderado global grazas á aposta do sector pola ciencia e a sustentabilidade.
Vilagarcía de Arousa, 26 de novembro de 2024. “O cultivo do mexillón é a alma económica, social e cultural das nosas rías. Con investigación e sustentabilidade, aseguraremos o seu futuro para as próximas xeracións”, afirmou Ricardo Herbón, presidente da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), na apertura da xornada de traballo celebrada hoxe no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. O encontro serviu para presentar ao sector os resultados de dúas investigacións que reforzan o compromiso da organización coa sustentabilidade e a innovación.
As dúas investigacións, realizadas por equipos de expertos de recoñecido prestixio, destacan a sustentabilidade e a capacidade innovadora do cultivo de mexillón, subliñando o seu impacto económico, social e ambiental. O primeiro informe, titulado “Indicadores de Sostibilidade do Cultivo de Mexillón”, elaborado por Diana Zúñiga e Uxío Labarta en colaboración con Inxenia Desarrollos Tecnológicos S.L., analiza o equilibrio entre a capacidade de carga das rías galegas e a produción actual de mexillón. Pola súa banda, o segundo informe, “Servizos Ecosistémicos Prestados polo Mexillón Cultivado”, dirixido por Antón Álvarez Salgado (IIM-CSIC), Severino P. Ibánhez (IIM-CSIC), Ana Vila, Ruth Iglesias, Isabel Fuentes e Nicolás V. Robineau, pon de relevo o papel do mexillón como motor ecolóxico e económico.
Conclusións principais dos traballos
- Indicadores de sostibilidade do cultivo de mexillón
O primeiro dos informes confirma que as rías galegas contan cunha extraordinaria capacidade para soster o cultivo de mexillón grazas ao seu sistema de afloramento costeiro, que achega nutrientes esenciais. Porén, sinala que a sustentabilidade a longo prazo dependerá da xestión do sector, así como de estratexias adaptativas fronte ao cambio climático.
Semente e captación: Subliñouse a importancia da dispoñibilidade de semente, recomendando o uso de modelos predictivos para mellorar a eficiencia da súa captación en colectores e zonas naturais.
Impacto do cambio climático: As alteracións nos patróns de vento e eventos extremos poderían influír nos ciclos reprodutivos do mexillón, requirindo estratexias resilientes para garantir a estabilidade da produción.
- Servizos ecosistémicos prestados polo cultivo de mexillón
Este segundo estudo destaca que o mexillón non só é un recurso económico, senón tamén un piar ecolóxico e social que achega múltiples beneficios:
Servizos de provisión: Cada ano, o cultivo produce 16.000 toneladas de proteínas (suficientes para 900.000 persoas) e 41.200 toneladas de carbonato cálcico, usado en agricultura e industria.
Regulación ambiental: Os mexillóns actúan como grandes filtradores -chegan a tratar o 30% da auga das rías-. Ademais, a preservación de biodepósitos e a reutilización das cunchas poden reducir significativamente as emisións de carbono.
Servizos culturais e de soporte: As bateas favorecen a biodiversidade ao crear hábitats mariños e desempeñan un papel clave na protección costeira, ademais de ser un símbolo do patrimonio gastronómico e cultural de Galicia.
Un sector estratéxico que quere blindar o seu futuro
Ambos traballos subliñan que o cultivo do mexillón é esencial para Galicia, xerando máis de 8.000 empregos directos. Durante a xornada, os participantes tiveron a oportunidade de interactuar cos científicos e debater como estas investigacións poden servir de guía para afrontar os desafíos do cambio climático e fortalecer a competitividade do sector nun mercado global.
“O mexillón galego non é só un produto, é un modelo sostible que conecta economía, medio ambiente e cultura”, afirmou Uxío Labarta, mentres que Antón Álvarez Salgado subliñou que o cultivo do mexillón non só xera riqueza, senón que tamén protexe e mellora os ecosistemas costeiros.
Os dous informes impulsados por Opmega foron financiados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e Acuicultura, como parte do Plan de Produción e Comercialización 2024 da organización bateeira. A xornada concluíu co compromiso do sector de seguir investindo en ciencia e innovación para garantir un modelo de produción sostible que manteña a Galicia como líder internacional no cultivo de mexillón.