Xornadas gastronómicas en Sevilla

7 de Novembro de 2024 Actualidad, Promoción

Xornadas gastronómicas en Sevilla

Opmega pon de moda o mexillón na capital andaluza coas súas Xornadas Gastronómicas no Mercado da Encarnación

Degustacións, showcookings en vivo co chef Miguel Mosteiro e unha homenaxe ás mulleres bateeiras destacan nesta campaña que achega o sabor do mexillón galego a Sevilla

Sevilla, 7 de novembro de 2024. Tras o éxito cultivado coas súas degustacións en Valladolid, a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (OPMEGA) aterrou en Sevilla coas súas Xornadas Gastronómicas, enchendo de sabor e tradición o Mercado da Encarnación.

Numerosos clientes puideron gozar desde este mediodía das actividades gratuítas que resaltan o valor gastronómico e nutricional do mexillón galego. Esta iniciativa, que se estenderá ata o 9 de novembro, promete seguir cativando ao público con momentos para degustar e aprender sobre este produto estrela de Galicia, tamén coñecido como o “ouro negro” das rías galegas.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

O chef Miguel Mosteiro, coñecido polo seu enfoque innovador na cociña galega, está a cargo das exhibicións en vivo, onde comparte co público técnicas de preparación e receitas que resaltan a frescura e o sabor único do mexillón galego. Estas demostracións permiten aos visitantes, non só degustar distintas elaboracións, senón tamén coñecer o proceso artesanal do cultivo nas bateas repartidas polas rías galegas.

Ata a capital andaluza desprazouse unha importante representación de OPMEGA, encabezada polo seu presidente, Ricardo Herbón, e outros membros destacados da organización, quen estivo presentes para compartir a misión desta campaña e achegar o mexillón galego aos consumidores sevillanos.

A exposición “Mujeres Bateeiras. O mexillón a través das mans das mulleres” foi outro dos puntos fortes destas xornadas. A mostra rende homenaxe ás mulleres galegas que, co seu traballo e dedicación, sostiveron a industria vinculada a este molusco ao longo dos anos, e foi todo un éxito alí onde se expuxo. Composta por 20 paneis fotográficos, retrata a importancia histórica da muller e o seu legado na produción do mexillón.

Agasallos e formatos innovadores

As peixarías do mercado acolleron de maneira entusiasta esta iniciativa de OPMEGA, ofrecendo vales trocables por receitarios e agasallos promocionais a quen adquira mexillón galego. OPMEGA tamén presentou as súas innovadoras bandexas de mexillón fresco envasado en atmosfera controlada, unha solución que estende a frescura do produto nun formato práctico, ideal para a súa preparación en microondas.

Estas Xornadas Gastronómicas de OPMEGA son parte dunha campaña nacional que percorre mercados tradicionais para promover o consumo de mexillón galego de alta calidade destacando á vez o papel destes espazos como puntos de referencia para produtos frescos e locais.

Compartir: