Altri

21 de Marzo de 2025 Xunta directiva

Altri

O sector bateeiro galego mobilízase contra a pasteira de Altri na ría de Arousa

 

  • Reafirman o seu rexeitamento á implantación deste proxecto e participarán masivamente na manifestación do sábado na Pobra

 

Vilagarcía de Arousa, 21 de marzo de 2025.– Boa parte do sector bateeiro galego xa confirmou a súa participación na manifestación convocada na ría de Arousa contra a instalación da pasteira de Altri. “Desde o primeiro momento manifestamos o noso rexeitamento frontal a este proxecto, que supón unha ameaza directa para o noso modo de vida e a sustentabilidade da ría”, sinalan.

A preocupación do sector bateeiro vén derivada do impacto que podería ter a planta de Altri na calidade da auga da ría de Arousa. A fábrica, situada en Palas de Rei, pretende captar ata 46.000 metros cúbicos diarios de auga do río Ulla e devolver 30.000 metros cúbicos de augas residuais tratadas. Dado que o Ulla desemboca na ría de Arousa, o vertido destas augas podería afectar gravemente o ecosistema mariño, poñendo en risco a calidade da auga e a produción marisqueira e bateeira. A pesar da aprobación ambiental por parte da Xunta de Galicia, o sector marisqueiro e ecoloxista segue a manifestar a súa preocupación polos posibles danos irreversibles que isto podería causar.

A ría de Arousa é un ecosistema fundamental para a produción de mexillón e un motor económico clave para Galicia. A concentración de industrias contaminantes nesta zona poría en perigo a calidade das nosas augas e a viabilidade dun sector que dá emprego a milleiros de familias: “Non imos permitir que se intensifique a presión industrial nun espazo tan fráxil e esencial para a nosa actividade”, aseguran desde o sector.

Por iso, fan un chamamento a toda a sociedade para que se sume a esta mobilización en defensa da ría e dun modelo produtivo que demostrou ser sustentable e xerador de riqueza. O sector bateeiro esixe, tal e como leva facendo desde hai anos, un desenvolvemento económico que respecte o equilibrio medioambiental de Galicia.

Compartir: