Xornada anual OPMEGA

16 de Maio de 2024 Xunta directiva

Xornada anual OPMEGA

Opmega analiza as novas tendencias de consumo para garantir o futuro do mercado do mexillón

  • A organización transnacional reuniu na súa sede a profesionais de diversos sectores para abordar desde o márketing na industria alimentaria ata a innovación como solución para fomentar o consumo

Vilagarcía de Arousa, 16 de maio de 2024.- O mercado do mexillón está inmerso nun proceso continuado de cambio e evolución. Esta realidade analizouse hoxe no marco da xornada “Cultivo de mexillón en batea: tendencias de comercialización e consumo”, organizada pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega). Durante toda a mañá, diferentes expertos analizaron as novas tendencias de comercialización, o papel do consumidor ante o produto ou a importancia das estratexias de márketing e a innovación para garantir o seu futuro.

Esta xornada técnica, a sétima organizada por Opmega, foi inaugurada por José Pellicer, Subdirector adxunto de Acuicultura, Comercialización Pesqueira e Accións Estruturais do MAPA. Pellicer, que destacou o “liderado indiscutible” de España e Galicia na produción de mexillón na Unión Europea, comezou resaltando o problema actual de produción do sector debido a factores como o cambio climático e tamén a caída global do consumo. Aínda así, comentou que é importante captar a atención dos novos consumidores que se achegan ás novas tendencias de comercialización. “É importante chamar a atención dos novos consumidores para informalos, non só dos benefícios organolépticos do produto, tamén do compromiso do sector do mexillón con, por exemplo, a sustentabilidade”, finalizou.

Acto seguido, tomou a palabra Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, que destacou a importancia da organización da xornada de Opmega para “poñer en valor un produto tan importante para Galicia e Arousa e apostar así pola súa competitividade no mercado”. Varela felicitou á organización transnacional polo traballo realizado para modernizar o sector. “Temos o mellor mexillón do mundo e é importante conseguir que o público o consuma máis para seguir consolidándo no mercado”, concluíu.

 

Lino Suárez, Director de Operacións de Opmega, deu paso ao primeiro bloque da xornada non sen antes destacar que a xornada de hoxe “é relevante para analizar as tendencias do mercado e, sobre todo, achegarnos ao público xeral”. Ademais, remarcou a importancia de ter unha estratéxia ben definida para potenciar o mexillón e a súa comercialización.

 

No primeiro bloque da xornada, titulado “Tendencias do mercado con relación ao consumo de mexillón” e moderado por Carlota Usatorre, Responsable de desenvolvemento comercial en AECOC, interviñeron Gorka Azkona, Responsable de compras de peixaría en Eroski e Darío Rodríguez, Xerente de Pescarmar-Grupo Gadisa.

 

Azkona comezou a súa intervención falando das complicacións actuais da produción do mexillón a nivel global, algo que contribuíu á súa subida de prezo. Aínda así, destacou que “aínda que o seu consumo descendese no mostrador, incrementouse a venda do produto noutros formatos e isto é prometedor para o seu futuro”. Resaltou que agora mesmo hai dous tipos de consumidores: “os que buscan prezo e os que buscan solucións”. “É certo que no mostrador apértannos en prezo pero os novos consumidores pagan máis por unha solución que lles permita unha compra rápida, cociñar ao momento, gañar tempo libre e tempo en casa. E o mexillón adáptase perfectamente a estas novas tendencias”, recalcou.

 

Pola súa banda, Darío Rodríguez, coincidiu en esencia coas afirmacións de Azkona. Falou dos novos formatos que se están presentando para o consumo do mexillón “e isto é potencialmente moi prometedor para o sector”. Destacou que “é certo que o fresco segue en demanda, pero hai que atender aos novos consumidores que queren produtos xa preparados”.

 

O segundo bloque protagonizárono dous casos de éxito de estratexias de márketing na industria alimentaria: Plátano de Canarias e Orballo, e contou  con Elvira Furelos, fundadora e socia de Naranjalimón Branding 360º, como moderadora.

Sergio Cáceres, xerente e director de Marketing de Plátano de Canarias, destacou a necesidade dos máis de 7.000 produtores locais por distinguir o seu produto, máis caro que o de importación de terceiros países, baseándose principalmente na súa calidade e a súa procedencia 100% española. Cáceres destacou que o éxito da marca debeuse á aposta conxunta dos cultivadores e a profesionalización na xestión do Marketing e a Comunicación. Neste sentido, sinalou, o importante é realizar unha acción coordinada e planificada, tendo en conta o público obxectivo e insistindo nos elementos diferenciadores do “Plátano de Canarias”.

E Óscar Torres, director de Marketing e Comunicación de Orballo, explicou como esta marca galega conseguiu triunfar entre os milenial a pesar de representar un produto de corte tradicional, de innovación limitada e cunha oferta saturada como son as infusións. Torres insistiu en potenciar o valor da “sustentabilidade” e dun cultivo feito “con moito amor”.

Para o terceiro e último bloque da xornada, dedicado á innovación para fomentar o consumo e a comercialización do mexillón e moderado polo CEO de Bluscus Turismo Mariñeiro, Pablo Mariño, Opmega contou coa presenza de Carolina Najar, Directora de Mercado Alimentario AZTI e Antonio Muíños, Fundador e Director de Portomuíños.

Carolina Najar comezou a súa intervención falando da importancia da innovación para dar máis valor ao produto “porque queremos existir hoxe e mañá”. Para iso, comenta, é esencial saber a que público hai que dirixirse. Conectou aqui co analizado no primeiro bloque en canto aos cambios de tendencias nas prioridades dos novos consumidores. Najar citou ao biólogo Xabier Irigoien quen asegura que, polas súas propiedades organolépticas, “os mexillóns son os salvadores da humanidade” e iso é sempre un valor engadido á hora de posicionalo no mercado.

O fundador de Portomuiños, Antonio Muiños, falou da importancia que a aposta pola innovación tivo para o crecemento da coñecida marca comercializadora de algas. Contou como a empresa se fixa nas distintas tendencias do mercado e mesmo outras culturas para seguir innovando.

Para finalizar, despois da homenaxe a Antonio Juncal Portas, un veterano bateeiro que quixo compatir o premio coa súa muller e todos os fundadores de Opmega, tivo lugar a clausura a cargo do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente de Opmega, Ricardo Herbón.

Herbón agradeceu a presenza dos asistentes e todos os participantes na xornada. Acto seguido, o conselleiro Villares salientou a importancia da xornada e  tamén a de traballar pola difusión da calidade do mexillón e dar a coñecer a variedade de formatos nos que se pode atopar para chegar aos diferentes tipos de público.

 

 

Compartir: