Seafood Expo Global Barcelona
Opmega presume de produto e de prácticas sostibles en Seafood Barcelona
• A organización transnacional volveu á feira internacional cos seus novos formatos de envases, que conservan as propiedades do produto durante máis tempo
• A secretaria xeral de Pesca, acompañada pola directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, mantivo unha reunión coa directiva de Opmega, na que trataron distintos temas de actualidade Barcelona, 24 de abril de 2024.-
A secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, e a directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Aurora de Blas, visitaron este mediodía a caseta de Opmega en Seafood, onde mantiveron un encontro con representantes da organización mexilloeira co seu presidente, Ricardo Herbón, á cabeza, e tiveron oportunidade de probar algunha das receitas elaboradas polo chef Miguel Mosteiro.
Ademais das novidades no envasado do produto -que permite preservar o mexillón máis tempo con toda a súa potencia nutricional-, a organización presumiu de sustentabilidade ao presentar os resultados da auditoría independente de Bureau Veritas que recoñece a contribución á fixación de carbono a través do cultivo de mexillón.
A Feira Seafood de Barcelona é un dos eventos máis importantes a nivel mundial na industria pesqueira e acuícola, reunindo a profesionais, empresas e expertos de todo o mundo para compartir coñecementos, experiencias e oportunidades de negocio.
Durante a súa estancia na feira, Opmega presentou o seu produto e os novos formatos dispoñibles en superficies comerciais, destacando o seu compromiso coa calidade, a sustentabilidade e a innovación na industria. Os representantes da organización participaron activamente nas actividades de networking e as exhibicións gastronómicas, fortalecendo así a súa presenza no mercado internacional.
“Estamos encantados de participar na Feira Seafood de Barcelona e de ter a oportunidade de presentar a nosa organización #ante unha audiencia global”, sinalou Ricardo Herbón, presidente de Opmega: “Esta mostra é un importante punto de encontro, un referente a nivel internacional e comprácenos contribuír ao seu éxito”.
A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia aproveitou a Feira Seafood de Barcelona para consolidar alianzas estratéxicas, explorar novas oportunidades de negocio e fortalecer o seu posicionamento no mercado internacional. Ademais, a organización reafirmou o seu compromiso con prácticas sostibles e a súa contribución á conservación dos recursos mariños.
Más sobre Opmega Opmega é unha Organización de Produtores (OP) con ámbito de actuación transnacional recoñecida por Orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 30 de decembro de 1986 (Boletín Oficial do Estado nº 23, de data 27.01.1987) como a OPP-18. Os seus socios están agrupados en 12 delegacións, distribuídas nas rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, ademais de Portugal.