
Xornadas Gastronómicas en Madrid
Opmega volve aos mercados madrileños cunha campaña de promoción para profesionais e consumidores
- A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia protagonizará do 4 ao 7 de outubro degustacións e exhibicións da man do cociñeiro Miguel Mosteiro, quen demostrará a versatilidade dun produto que xa conta con numerosos fieis na capital española.
- Opmega levará a Madrid a súa exposición sobre o papel das mulleres na miticultura galega, inaugurada en Vilagarcía o pasado 8 de marzo con motivo do Día da Muller.
Vilagarcía, 1 de outubro de 2023.-Os mercados madrileños das Ventas e Tirso de Molina acollerán nos próximos días unha nova edición da campaña de promoción da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia. Do 4 ao 7 de outubro, membros da xunta directiva de Opmega, acompañados polo cociñeiro Miguel Mosteiro, estarán na capital española protagonizando exhibicións gastronómicas, charlas e outras actividades nas que os clientes destes mercados poderán participar de forma activa.
Ricardo Herbón, presidente de Opmega, recoñece que en xeral os consumidores xa coñecen os beneficios nutricionais do mexillón, pero este tipo de actividades axuda aos produtores para incidir neste aspecto e, por outra banda, mostrar a versatilidade do produto. Para iso, a organización conta coa colaboración do chef Mosteiro, que estreará diversas elaboracións co molusco como protagonista indiscutible.
A programación nos dous populares mercados inclúe a mostra “A muller na miticultura galega”, impulsada por Opmega en colaboración coa asociación Abrandares Salgadas. Tras o seu exitoso paso por Vilagarcía de Arousa e Combarro, a exposición dará a coñecer en Madrid o destacado papel das mulleres no sector, a través dunha vintena de fotografías, que reflicten o seu labor desde 1952 á actualidade.