Tac Vigo! 2024

30 de Xuño de 2024 Actualidad, Promoción

Tac Vigo! 2024

Opmega celebra en Vigo un evento de divulgación e promoción do “ouro negro” das rías galegas

 

  • O evento, que se desenvolverá ao redor do pavillón temporal “Que faena(r)!”, gañador da edición 2024 do TAC Festival de arquitectura e baseado na estrutura dunha batea, promete ser unha xornada intensa e chea de actividades para todos os públicos.

Vilagarcía de Arousa, 30 de xuño de 2024. A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) celebrará o vindeiro venres, día 5 de xullo, en Vigo un evento de divulgación e promoción enmarcado no programa de actividades do TAC Festival, organizado en colaboración co Concello de Vigo.

O evento, que se desenvolverá ao redor do pavillón temporal “Que faena(r)!”, gañador desta edición do festival de arquitectura e baseado na estrutura dunha batea, promete ser unha xornada intensa xa que a organización tivo en conta a diversidade do potencial público asistente para programar diferentes actividades.

O programa comezará ás 10:00h e estenderanse ata as 19:00h. A axenda do día iniciarase cun acto institucional, seguido da lectura dun manifesto por parte dos produtores de Opmega reafirmando o seu compromiso coa xestión sostible do mexillón e a conservación dos océanos.

Posteriormente, realizarase un percorrido pola exposición de gran formato deseñada para a ocasión, mentres terán lugar diferentes actividades de divulgación e entretemento relacionadas co traballo de Opmega. A partir das 13:00h, os asistentes poderán gozar dunha degustación gratuíta de arroz con mexillóns, preparada polo chef Miguel Mosteiro.

Xa durante a tarde, as actividades continuarán con máis xogos educativos, unha intervención artística  sobre o oficio miticultor e un monólogo do coñecido actor Carlos Blanco, quen pechará o evento.

Más sobre Opmega

Opmega é unha Organización de Produtores (OP) con ámbito de actuación transnacional recoñecida por Orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 30 de decembro de 1986 (Boletín Oficial do Estado nº 23, de data 27.01.1987) como a OPP-18.  Os seus socios están  agrupados en 12 delegacións, distribuídas nas rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, ademais de Portugal.

 

 

Compartir: