
OPMEGA RECLAMA Á XUNTA QUE LEVE A BRUSELAS O VALOR AMBIENTAL DAS BATEAS
A organización pide que o estudo do IIM-CSIC sobre os servizos ecosistémicos do cultivo de mexillón forme parte dos argumentos de Galicia na negociación do marco financeiro europeo 2028-2034 e da reforma da Política Pesqueira Común
Opmega reclama tamén que esa valoración se incorpore ao estudo sobre a capacidade de carga das rías que a Xunta encargou á USC e que remata este ano
Vilagarcía de Arousa, 16 de setembro de 2026. Opmega pídelle á Consellería do Mar que incorpore o valor ambiental das bateas, xa cuantificado polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, na posición que Galicia defende ante as institucións europeas. A organización de produtores responde así ao chamamento á unidade entre o sector e as administracións que a conselleira, Marta Villaverde, fixo nos últimos días.
Previamente, Villaverde reclamara no Parlamento Europeo unha asignación mínima de 7.290 millóns de euros para pesca e acuicultura no marco financeiro plurianual 2028-2034. Para Opmega, esa negociación e mais a da reforma da Política Pesqueira Común son precisamente o lugar onde o traballo científico encargado pola organización pode render máis.
“Estamos de acordo coa conselleira en que a Bruxelas hai que ir unidos. O que pedimos é que se leve o mellor argumento que temos, e agora mesmo é este: as bateas non só producen mexillón, coidan as rías, e iso xa non é unha opinión do sector, está medido polo CSIC”, sinala o presidente de Opmega, Ricardo Herbón.
O estudo ao que se refire a organización, “O cultivo de mexillón, unha actividade sostible. Valoración dos servizos ecosistémicos proporcionados polo cultivo de mexillón de Opmega”, foi elaborado polo investigador X. Antón Á. Salgado, do IIM-CSIC, e pola consultora Ana Vila, de Inxenia, coa colaboración de J. Severino P. Ibánhez e Nicolás Villacieros Robineau. Forma parte do plan operativo da organización e conta coa cofinanciación da Unión Europea.
É o primeiro traballo que mide de forma integral os beneficios que xeran as bateas máis alá da produción de alimento, a través de catro categorías de servizos ecosistémicos: provisión, regulación, soporte e culturais.
Entre as súas conclusións figuran a baixa pegada de carbono do mexillón fronte a outras fontes de proteína animal, a contribución das bateas á calidade da auga pola filtración e a retención de nutrientes, o aproveitamento da cuncha en sectores como a agricultura ou a construción e o seu papel como reserva alcalina fronte á acidificación oceánica, ademais do efecto protector sobre a liña de costa e o peso da actividade na cultura mariñeira das Rías Baixas.
A segunda petición de Opmega mira cara a Galicia. A Xunta encargoulle á Universidade de Santiago, a través dos centros iARCUS e CRETUS, un estudo sobre a capacidade de carga do cultivo de moluscos nas rías de Arousa e Muros-Noia que debe rematar este ano. A organización considera que ese traballo quedaría incompleto se mide só os impactos do cultivo e non os servizos que presta, e pide que as dúas caras se valoren xuntas antes de tomar decisións sobre a ordenación dos polígonos.
Entrada de mexillón de fóra
Opmega volve a poñer enriba da mesa unha terceira cuestión que leva tempo pendente: a entrada no mercado europeo de mexillón importado que non responde as mesmas normas arancelarias. A organización sosten que a entrada de producto sin aranceles perxudica gravemente o mexillón galego e as industrias que apostan exclusivamente polo noso producto.
“Non estamos pedindo un trato de favor, estamos pedindo que o que facemos conte”, engade Herbón. “Se Europa quere produción de alimento sostible, que mire para as rías galegas e que o que atope aquí teña consecuencias no reparto dos fondos e nas regras do mercado.”