Retirada das cordas mexilla da ensenada de Esteiro

10 de Xuño de 2026 Xunta directiva

Retirada das cordas mexilla da ensenada de Esteiro

Opmega demostra que é posible aproveitar os recursos que ofrece a natureza, disminuíndo a presión sobre o litoral

A conselleira do Mar asiste á retirada das cordas de captación nos long lines ubicados na  Enseada de Esteiro, unha iniciativa impulsada por Opmega para garantir subministración de mexilla e reducir a presión sobre os bancos naturais

Muros, 10 de xuño de 2026.- A Organización de Produtores Mexilloeiros de Galicia (Opmega) iniciou esta semana a retirada das máis de 2.400 cordas de captación de mexilla suspendidas nos “long lines” instalados na Enseada de Esteiro, en Muros, nunha actuación que evidencia os bos resultados dun modelo promovido polo propio sector para avanzar cara a unha produción máis sostible e reducir a presión sobre os bancos naturais.

A visita realizada pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e outros membros do seu equipo xunto coa xunta directiva de Opmega, coincidiu cun dos momentos máis relevantes de todo o proceso: a recollida da mexilla adherida ás cordas para o seu posterior traslado ás distintas delegacións de Opmega e a distribución entre os produtores asociados.

A directiva de Opmega xunto coa
conselleira asistiu ao traslado das cordas con mexilla.

 
 
 
 

As cordas trasladaranse a todas as delegacións para distribuírse entre as socias e socios de Opmega

 

O sistema permite captar de forma controlada a semente de mexillón no medio natural. Unha vez retirada das cordas, a mexilla que se atopa nunha fase inicial do seu crecemento é transportada por vía marítima e terrestre ata os diferentes puntos de destino, onde será empregada para o encordado e posterior cultivo nas bateas.

Desde Opmega destacan que esta iniciativa responde a unha proposta que a organización levaba máis de cinco anos defendendo ante a Administración e que os resultados obtidos están a confirmar a súa utilidade. Ademais de contribuír a garantir a dispoñibilidade de semente, o sistema permite aliviar a presión sobre as zonas tradicionais de extracción e avanzar cara a un aproveitamento máis equilibrado dos recursos.

A organización lembra que a sustentabilidade do sector pasa necesariamente por asegurar o abastecemento de mexilla sen comprometer os ecosistemas dos que depende a propia actividade. Neste sentido, a captación mediante cordas converteuse nunha ferramenta estratéxica para complementar outras fontes de subministración e reforzar a viabilidade futura da produción mexilloeira galega.

O operativo desenvolvido en Esteiro incorpora ademais sistemas de control e seguimento que permiten coñecer en todo momento a procedencia, o volume e o destino da semente captada. Esta trazabilidade garante un control exhaustivo de todo o proceso desde a recollida ata a chegada ás distintas delegacións e produtores.

As máis de 2.400 cordas instaladas na enseada están a ser retiradas estes días, unha vez completado o proceso de captación. A mexilla obtida distribuirase entre os asociados de Opmega a través das diferentes delegacións da organización, garantindo unha repartición ordenada e un aproveitamento eficiente deste recurso fundamental para a actividade bateeira.

Nas vindeiras xornadas concluirá a retirada das cordas suspendidas nos “long lines” instalados en Esteiro, culminando unha campaña que confirma o potencial dunha iniciativa impulsada polos propios produtores para compatibilizar produción, sustentabilidade e conservación dos recursos mariños. Un modelo que, ademais de ofrecer resultados, contribúe a reforzar a autonomía do sector e a afrontar con maiores garantías os retos de futuro do sector bateeiro galego.

Declaracións da conselleira do Mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, subliñou dende Muros que as long-lines “son unha das fórmulas que se están a levar la cabo de xeito experimental nas rías galegas para garantir ese subministro do bivalvo e posibilitar que as campañas non dependan de xeito exclusivo da presenza de cría de mexillón nas rochas ou das cordas colectoras das bateas”.

Unha acción que reforza, engadiu Villaverde, “a posición estratéxica da miticultura para a comunidade, tanto pola súa capacidade para xerar emprego, como polo seu papel esencial na cohesión social e económica das vilas costeiras”.

Compartir: