
Visita de Cándido Rial Rodríguez a OPMEGA
OPMEGA DESTACA ANTE A CONSELLERÍA DO MAR O VALOR DA INNOVACIÓN E A NECESIDADE DE SEGUIR IMPULSANDO A COMPETITIVIDADE DO MEXILLÓN
A directiva, encabezada por Ricardo Herbón, recibiu esta tarde en Vilagarcía ao director xeral de Acuicultura, Cándido Rial, para repasar os principais temas de interese para o sector
Vilagarcía de Arousa, 22 de outubro de 2025 –A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) mantivo unha xuntanza co director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Cándido Rial, para analizar a situación actual e proxectos da organización e compartir os avances impulsados pola entidade.
Durante o encontro, a directiva de Opmega, encabezada polo seu presidente Ricardo Herbón, expuxo o traballo que a organización está a desenvolver en materia de innovación e mellora produtiva, especialmente a través de proxectos experimentais baseados no sistema longline, que están a ofrecer resultados moi positivos en eficiencia e sustentabilidade.
Neste eido, Herbón destacou o esforzo da organización por mellorar a captación de mexilla, un proceso clave que busca descargar a presión sobre os areais e avanzar cara a un modelo de produción máis equilibrado e respectuoso co medio. A entidade convidou ao director xeral a visitar a zona de traballo para coñecer de primeira man o desenvolvemento deste proxecto de fixación da semente.
Durante a xuntanza tamén se fixo repaso das cuestións tratadas pola OP en Bruxelas relacionadas cos aranceis e a situación do mexillón galego no mercado europeo, coincidindo ambas partes na importancia de defender condicións de igualdade fronte a produtos doutros países e reforzar o posicionamento do produto galego no ámbito comunitario.
Ademais, abordáronse outros asuntos de interese, como a próxima convocatoria de eleccións ao Consello Regulador e as diferentes iniciativas que están a contribuír ás melloras na xestión do mexillón dos asociados da OP.
Opmega é a única Organización de Produtores (OP) recoñecida en Galicia no ámbito da produción de mexillón, e agrupa 579 bateas e 312 socios, organizados en 11 delegacións distribuídas nas rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra, Vigo e Portugal.
