
Desigualdade para o mexillón galego: Opmega exise en Bruselas normas xustas para todos
Opmega denuncia en Bruselas a falta de control de trazabilidade do mexillón importado
A organización transnacional con sede en Vilagarcía alerta de que o sector leva anos xogando en desvantaxe mentres entra produto chileno sen aranceis nin información clara ao consumidor
Vilagarcía de Arousa, 28 de xullo de 2025. Hai cousas que se van acumulando. Opmega, referente do sector mexilloeiro galego, levou recentemente a Bruxelas unha preocupación que non é nova, pero que xa non se pode seguir ignorando: non se pode competir en igualdade cando as normas só se aplican a unha parte.
Durante varios encontros no Parlamento Europeo, con eurodiputados e representantes da Dirección Xeral de Comercio, da Dirección Xeral de Pesca e do gabinete do comisario europeo, a delegación da organización puxo voz ao que moitas produtoras e produtores levan anos dicindo: “Mentres nós cumprimos cada esixencia europea, hai produto de fóra que entra libremente, sen aranceis e sen nin sequera indicar de onde vén, sendo unha especie diferente”.
A verdade é que iso ten consecuencias. Non só caen os prezos. Non é só unha cuestión de cartos. É tamén un desgaste constante para quen fai as cousas ben e ve como o seu produto perde valor fronte a algo que parece o mesmo, pero non o é. E iso, nun sector que sostén a milleiros de familias nas rías galegas, acaba por pasar factura.
“Aquí cúmprense normas ambientais, sanitarias, de calidade, de etiquetado… E mentres tanto, outros chegan sen dar explicacións. A pregunta é: isto parécenos normal?”, engadiu Herbón.
Durante a visita, Opmega entregou un documento con datos que amosan como esta situación impacta directamente no emprego, nos custos de produción e no futuro das bateas. Tamén propuxo medidas concretas: desde a posibilidade de activar cláusulas de salvagarda ata revisar a normativa de etiquetado para que o consumidor non siga sendo o último en saber.
Desde as institucións europeas houbo interese e disposición ao diálogo. Pero tamén prudencia. E é que cambiar certas dinámicas leva tempo. Por iso, desde Opmega insisten en que isto non pode quedar nunha serie de boas palabras: fan falta pasos claros, visibles e efectivos.
A organización galega xa iniciou contactos coa Xunta e co Goberno do Estado para pedir un posicionamento firme en Bruxelas. E nas próximas semanas activará tamén unha campaña pública para poñer o foco onde toca: na necesidade de transparencia, xustiza e respecto polo que se produce aquí, con esforzo e compromiso.
“Non estamos pedindo privilexios. Só pedimos que non se premie ao que fai trampas. Porque se todo vale, o que está en risco non é só o noso sector, é a confianza da xente no que come”, concluíu Herbon.
Sobre Opmega
Opmega agrupa a máis de 300 produtores nas rías galegas e representa boa parte da produción europea de mexillón. Cun modelo sostible, vinculado ao territorio e cun impacto social directo, é hoxe unha das estruturas clave da economía do mar en Galicia.