SEAFOOD EXPO GLOBAL BARCELONA`25

26 de Abril de 2025 Promoción, Xunta directiva

SEAFOOD EXPO GLOBAL BARCELONA`25

Opmega volve a Seafood Barcelona para consolidar relacións comerciais e mostrar o valor do mexillón

 

  • A entidade acode cunha intensa axenda de contactos e reunións xa pechadas con compradores e distribuidores de distintos países, co obxectivo de afianzar relacións comerciais e seguir abrindo mercado para o mexillón dos seus asociados

 

Vilagarcía de Arousa, 26 de abril de 2025 .– A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) estará presente un ano máis na feira Seafood Expo Global de Barcelona, que se celebra do 6 ao 8 de maio. Trátase dun dos principais escaparates internacionais do sector do mar, e a entidade acode cunha intensa axenda de contactos e reunións xa pechadas con compradores e distribuidores de distintos países, co obxectivo de afianzar relacións comerciais e seguir abrindo mercado para o mexillón galego.

En representación da organización desprazarase a Barcelona parte da xunta directiva de Opmega, co presidente Ricardo Herbón á cabeza, para manter distintos encontros institucionais. Entre outros, está prevista a visita  á caseta dos bateeiros de autoridades da Consellería do Mar e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Como parte da súa presenza na feira, Opmega proxectará un vídeo divulgativo, subtitulado en inglés, que explica paso a paso o proceso de cultivo do mexillón: desde a recollida da semente ata o momento en que esa simiente cólgase nas bateas para que o tempo, o coidado e os nutrientes do mar fagan a súa maxia. Un percorrido visual que pon en valor o traballo dos produtores e a singularidade dun método tradicional adaptado aos máis altos estándares de calidade.

Ademais, a organización presentará na súa caseta as súas novas bandexas de mexillóns listos para consumir, un formato que xa é un éxito no mercado nacional e que esperta un crecente interese no mercado internacional, pola súa comodidade, calidade e respecto polo produto orixinal.

Opmega é a primeira organización de produtores de mexillón en España, e a súa participación en Seafood Barcelona reafirma o seu papel como referencia do sector. Para Opmega, o mexillón galego é un produto de luxo: pola súa calidade, pola súa orixe e polo emprego e riqueza que xera nas rías, e considera necesario promocionar as virtudes deste produto máis aló das nosas fronteiras.

 

Compartir: