Presentación estudo Valorización dos servizos ecosistémicos

6 de Xullo de 2026 Xunta directiva

Presentación estudo Valorización dos servizos ecosistémicos

OPMEGA PRESENTA Á CONSELLEIRA DO MAR O INFORME QUE DEMOSTRA QUE AS BATEAS SON UN ALIADO AMBIENTAL DAS RÍAS

Os autores do estudo explicaron na sede da organización, en Vilagarcía, as conclusións dun traballo que cuantifica os beneficios ecosistémicos do cultivo de mexillón
A xunta directiva de Opmega participou no encontro no que se puxo en valor a contribución das bateas á calidade da auga, á baixa pegada de carbono do mexillón e á identidade das Rías Baixas

 

Vilagarcía de Arousa, 1 de xullo de 2026. Opmega presentou á conselleira do Mar, Marta Villaverde, o informe que cuantifica o valor ambiental das bateas e que demostra, con base científica, que o cultivo de mexillón é un aliado das rías galegas. A presentación celebrouse na sede da organización, en Vilagarcía de Arousa, coa participación dos autores do estudo e da xunta directiva de Opmega, encabezada polo seu presidente, Ricardo Herbón.

 
 
 
 
 
 

O traballo, titulado O cultivo de mexillón, unha actividade sostible. Valoración dos servizos ecosistémicos proporcionados polo cultivo de mexillón de Opmega, foi elaborado polo investigador X. Antón Á. Salgado, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC), e pola consultora Ana Vila, de INXENIA, coa colaboración de J. Severino P. Ibánhez e Nicolás Villacieros Robineau, tamén do IIM-CSIC. O proxecto forma parte do plan operativo da organización e conta coa cofinanciación da Unión Europea.
Durante o encontro, os autores explicaron á conselleira as principais conclusións dun informe que mide por primeira vez de maneira integral os beneficios que as bateas xeran máis alá da produción de alimento. O estudo analiza catro categorías de servizos ecosistémicos -provisión, regulación, soporte e culturais- e pon cifras a unha realidade que o sector leva anos defendendo: as bateas producen mexillón, pero tamén coidan as rías.
Entre as súas conclusións, o informe destaca a capacidade do mexillón como fonte de proteína sostible, cunha pegada de carbono moi inferior á doutras fontes animais; a contribución das bateas á calidade da auga a través da filtración e da retención de nutrientes; o valor da cuncha como recurso aproveitable en sectores como a agricultura ou a construción; e o seu papel como reserva alcalina fronte á acidificación oceánica.
O estudo tamén analiza o efecto protector das bateas sobre a liña de costa e a súa contribución á actividade turística, á cultura mariñeira e á identidade das Rías Baixas. Para Opmega, estes datos reforzan a necesidade de que as administracións teñan en conta o valor ambiental, económico e social do cultivo de mexillón á hora de deseñar políticas públicas para a acuicultura e para a xestión das rías.
Desde Opmega valoraron a presenza da conselleira do Mar na sede da organización como unha mostra de interese institucional por este tipo de traballos. A entidade trasladou tamén a importancia de que o valor ambiental das bateas sexa recoñecido e incorporado ao debate público sobre o futuro das rías.

Compartir: