Croquetas de mexillón caseiras

Imos preparar un manxar digno dos padais máis exquisitos, trátase dunhas croquetas de mexillón que non van deixar a ninguén con indiferenza, a pesar de ser un prato moi sinxelo de preparar e sumamente económico, os comensais da túa mesa non van poder parar ata acabar con todas elas.

Son estupendas como primeiro prato ou tamén como prato principal acompañadas dunha boa ensalada ou como máis che guste. Espero que as gocedes porque están deliciosas.

Ingredientes

  • 2 kg. De Mexillón de Galicia cocidos (entre 400 e 500 grs de vianda)
  • 200 gr. De fariña de trigo
  • 1 cebola picada
  • 2 dentes de allo
  • perexil
  • 1 taciña de café de aceite de oliva
  • 1 litro de leite
  • sal, pimenta e se se desexa algunha especia máis ó gusto

Preparación

  1. Quentamos o aceite e pochamos a cebola picada a lume lento, seguidamente engadimos o allo e o perexil ben picadiño, esperamos un par de minutos e engadimos os mexillóns cortados en anacos.
  2. Cociñamos a mestura un par de minutos máis e botamos a pementa e demais especias ao gusto, engadimos a fariña ata refogar e o sal.
  3. Agora imos engadindo o leite aos poucos.
  4. Mesturando cunha culler ata que estea todo ben cocido. (notarás que a mestura está cocida porque nese momento deixa de pegarse á tixola).
  5. Retiramos do lume e deixamos arrefriar a masa por un par de horas como mínimo, mesmo poden quedar na neveira para o día seguinte ou conxelalas para outro momento.
  6. No momento en que desexemos cociñalas, imos facendo as croquetas coa forma que máis nos guste, redondas ou alongadas, pasámolas por fariña e ovo e por último fritímolas en aceite ben quente ata que estean ben doradiñas.