
Apoio de Artime a OPMEGA para garantir condicións xustas para o mexillón
Vilagarcía de Arousa, 30 de outubro de 2025. A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (OPMEGA) mantivo en Vigo unha reunión coa secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, na que se abordaron os principais retos e oportunidades do sector mexilloeiro galego.
Durante o encontro, a secretaria xeral reafirmou o apoio á defensa do produto europeo, á transparencia no etiquetado e á competencia leal nas importacións procedentes de terceiros países, subliñando a importancia de garantir condicións de produción equivalentes para todos os produtores.
Esta é unha demanda que OPMEGA xa trasladou a Bruxelas, en defensa da igualdade de condicións para o mexillón da Comunidade de Galicia fronte ás producións extracomunitarias.
Tralo encontro, os responsables de OPMEGA valoraron de forma moi positiva o compromiso e o diálogo aberto co Ministerio, elementos fundamentais para seguir avanzando cara a un sector sostible, competitivo e xusto.