
Altri
OPMEGA VOLVE SAÍR Á RÚA CONTRA A MACROCELULOSA DE ALTRI
Representantes da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia, encabezados polo seu presidente, Ricardo Herbón, participaron este domingo nunha nova mobilización social para expresar o seu rexeitamento á implantación da macrocelulosa de Altri en Galicia
Vilagarcía de Arousa, 14 de decembro de 2025 – A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) participou unha vez máis na manifestación convocada contra a macrocelulosa de Altri, reiterando a súa oposición a unha iniciativa que considera incompatible coa protección do medio ambiente, das rías e do modelo produtivo ligado ao mar.
A delegación de Opmega estivo encabezada polo seu presidente, Ricardo Herbón, quen subliñou que o sector mexilloeiro non pode permanecer alleo a un proxecto que xera unha ampla contestación social e que suscita serias dúbidas sobre o seu impacto ambiental e económico. Desde a organización insisten en que Galicia non pode asumir riscos que poñan en perigo recursos naturais estratéxicos nin actividades que sosteñen miles de empregos directos e indirectos.
Opmega lembra que o sector do mexillón é un piar fundamental da economía costeira galega e que o seu futuro depende da preservación da calidade das augas e do equilibrio dos ecosistemas mariños. Por este motivo, a organización considera imprescindible escoitar a voz dos sectores produtivos afectados e atender á mobilización cidadá que, de forma reiterada, vén expresando o seu rexeitamento á macrocelulosa.
A entidade reafirma así o seu compromiso coa defensa do mar, da sustentabilidade ambiental e dun modelo de desenvolvemento que sexa compatible coa actividade tradicional e co futuro das rías galegas.