
OPMEGA PIDE Á XUNTA CELERIDADE PARA ACLARAR O IMPACTO DAS BORRASCAS NA PRODUCIÓN DE MEXILLÓN NA RÍA DE AROUSA
A Organización de Productores de Mexillón de Galicia trasladou ao novo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a preocupación dos produtores e cuestionou a adxudicación do sistema long line sen consulta previa.
Vilagarcía de Arousa, 4 de marzo de 2026.- A directiva de Opmega mantivo unha reunión co director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Isaac Miguel Rosón Sánchez-Brunete, na que se abordaron diferentes cuestións de interese para os socios da organización e a situación actual do sector mexilloeiro.
Durante o encontro, a organización trasladou á administración a súa preocupación polo que está a suceder nas bateas da ría de Arousa, unha inquietude que os produtores levan semanas facendo chegar á Xunta ante a evolución que se está a rexistrar no mar e as consecuencias que esta situación xa está a ter na produción.
Entre os asuntos tratados, Opmega referiuse tamén á adxudicación do sistema long line realizada pola Consellería do Mar sen consulta previa cos produtores, unha decisión que, segundo trasladaron os representantes da organización, xerou preocupación ao tratarse dunha cuestión que afecta directamente á actividade e que debería ter contado previamente coa opinión das organizacións representativas do ámbito mexilloeiro.
Ademais, a organización reclamou á Xunta celeridade para que faga público canto antes o informe sobre a afección que pode estar a provocar o aumento do aporte de auga doce ao mar como consecuencia das borrascas encadeadas das últimas semanas, unha cuestión que preocupa especialmente aos produtores pola súa posible incidencia nas bateas.
Pola súa banda, o director xeral informou durante a reunión de que a Mesa do Mexillón se celebrará ao longo do mes de marzo, aínda que polo momento sen unha data concreta fixada.
O presidente de Opmega, Ricardo Herbón, subliñou a importancia de manter unha comunicación fluída coa administración para abordar os retos que afronta a actividade e avanzar en solucións que dean resposta ás preocupacións dos produtores.
