23 de Febreiro de 2026 Xunta directiva

OPMEGA ANALIZA A MORTALIDADE DE MEXILLÓN NA RÍA DE AROUSA TRAS AS BORRASCAS ENCADEADAS DAS ÚLTIMAS SEMANAS

A organización está a recompilar datos entre os seus socios para cuantificar o alcance real da afectación e solicitará unha reunión coa Consellería do Mar unha vez dispoña dunha avaliación completa

 

Vilagarcía de Arousa, 21 de febreiro de 2026.- A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) detectou episodios de mortalidade de mexillón en bateas da Ría de Arousa como consecuencia da entrada masiva de auga doce derivada das borrascas encadeadas que azoutaron a costa galega nas últimas semanas.

Ante esta situación, a organización dirixiuse xa aos seus socios para recompilar información detallada que permita coñecer o alcance real da afectación nas distintas zonas de produción. O obxectivo é dispoñer dunha radiografía precisa dos danos antes de trasladar formalmente a situación á Administración autonómica.

Desde Opmega explican que os achegamentos extraordinarios de auga doce alteran as condicións de salinidade nas rías, xerando un estrés significativo no mexillón que pode derivar en mortalidade e en perdas de crecemento, co conseguinte impacto económico para as explotacións.

Unha vez recompilados e analizados os datos, a organización solicitará unha reunión coa Consellería do Mar para coñecer que medidas se habilitarán para paliar a perda de produción e avaliar posibles liñas de apoio ao sector.

Un novo golpe tras meses de inestabilidade

Opmega lembra que esta situación adversa chega despois de varios meses consecutivos, ao longo de 2025, marcados por episodios recorrentes de marea vermella que obrigaron ao peche de polígonos e provocaron unha perda significativa de ingresos para as empresas mexilloeiras.

A concatenación de peches por toxinas e agora os efectos derivados das intensas choivas agravan a situación económica de moitas explotacións, que afrontan un escenario de elevada incerteza produtiva.

A organización insiste na necesidade dunha resposta áxil por parte da Administración que permita amortecer o impacto e garantir a viabilidade dun sector estratéxico para a economía das rías galegas.

Compartir: